martes, 6 de maio de 2014

ACTA DA SEGUNDA REUNIÓN DO CLUBE DE LECTURA DE ADULTOS AGUIAR

ACTA DA SEGUNDA REUNIÓN DO CLUBE DE LECTURA DE ADULTOS AGUIAR

Próxima reunión: 28 de maio
Hora: 19 horas
Lugar: Libraría Biblos
Próxima lectura: Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea


Cando os membros do Clube de Lectura de Adultos Aguiar chegaron a Biblos para a reunión, xa tiña comezado a cea.


O primeiro asunto: o narrador, Paul, consegue as simpatías do lector coas súas sátiras sobre os costumes da xente rica, sobre os rituais dos restaurantes, sobre a vacuidade dos políticos...


Certo é que algúns lectores comezaron a sospeitar de Paul... cando levaban lidas 100 páxinas.

Diso falábamos animadamente e aí estaba o biscoito que fixera María José intacto.

MIchael, un neno tan rubio, tan parecido ao seu pai, estaba a piques de chegar ao Restaurante.

É moi evidente que o novelista Herman Koch só pode empregar este punto de vista de narrador subxectivo para manter o interese nesta historia.

Se adoptara un narrador omnisciente... non habería historia.

Pais e nais estaban de acordo en que A Cea non é unha novela sobre os límites que os pais son capaces de traspasar para defender aos seus fillos, aínda que eses fillos asasinen ou participen como cómplices.


Pero pouco a pouco os vasos de plástico enchéronse de lágrimas de Porto.



Outro punto de encontro: todos pensamos que Claire resultou ser a persoaxe máis despreciable: ela non tiña excusa; o seu ADN non estaba tarado.


Ela é a manipuladora que deixa ao seu home sen tomar a medicación e move os fíos para que Serge non confese e, en consecuencia, os nenos bonitos non expíen a súa culpa. Colle unha copa de viño e córtalle a cara ao seu cuñado.
 
Happy end!

A familia feliz sobrevive ao naufraxio.

E que pasa coas vítimas? É verosímil que uns pais que saben que o seu fillo natural participou dun asasinato, voluntario ou involuntario, que saben que os seus cuñados fixeron todo o posible por encubrilos, non sospeiten da desaparición do seu fillo adoptivo?

E postos a falar de vítimas... que pouco se fala na novela da mendiga que foi executada por cheirenta... Chamábase Rosario Endrinal Petit.

Pero para o cociñeiro Herman Koch esa é outra historia.